Saturday 07 de September de 2024

A Xunta renovará neste verán o peche perimetral do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco


O Concello agradece o compromiso da Consellería de Educación para manter en boas condicións os centros de ensino.

Cada verán o Concello aproveita o cese da actividade nos centros de ensino para, en coordinación cos equipos directivos, acometer actuacións de reparación, renovación e mellora das instalacións e os seus equipamentos co propósito de que estean nas condicións máis óptimas de cara ao inicio do curso escolar a mediados de setembro.

Ademais, os meses de verán tamén son chave para que a Xunta de Galicia poida executar intervencións de maior entidade sen que as molestias das obras afecten ao normal desenvolvemento da actividade durante o período lectivo.
Neste sentido, nos próximos días vanse iniciar os traballos de renovación do muro de cemento que forma o peche perimetral do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, xa que presenta un importante deterioro. A actuación ten a finalidade principal de aumentar a seguridade no recinto, pero tamén beneficiará á estética do colexio tanto no interior como no exterior.

O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez e Patricia Bello, mantiveron unha xuntanza no propio centro de ensino coa súa directora, Agripina Alfeirán, para interesarse polas obras que comezarán de xeito inminente.

Desde o Concello da Laracha agradécese o compromiso da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia para mellorar as instalacións e equipamentos dos centros de ensino públicos do termo municipal en beneficio das comunidades educativas, incluíndo nelas ao alumnado, profesorado, persoal laboral e anpas.